3/17/2017

COCIDO & SAUNA CASTREXA

FONSAGRADA 2017
COCIDO & SAUNA CASTREXA
25 e 26 DE MARZO

Mariña Patrimonio organiza para os próximos 25 e 26 de marzo unhas xornadas en Fonsagrada arredor do patrimonio gastronómico e do patrimonio arqueolóxico:

Sábado 25, Cocido en Casa Villar (Paradavella).
O cocido de Obdulia é, sen dúbida, un dos mellores cocidos do mundo. Ler crítica gastronómica. Para poder degustalo cómpre apuntarse antes do 23 de marzo; as prazas son limitadas e as reservas fanse por orde de inscrición.
Para máis información e para anotarse premer aquí 
 
Domingo 26, Roteiro Sauna Castrexa de Castañoso .
A ruta é de 6,5km; hai que levar o xantar e o prezo da actividade mailo seguro é de 10€ para non socias/os e de 5€ para socias/os.
Para máis información e para anotarse premer aquí

Estas dúas actividades están abertas ao público en xeral, as prazas son limitadas e os que queiran participar nas dúas xornadas, facendo noite na Fonsagrada, terán que reservar hotel.

3/14/2017

XORNADA ARQUEOLÓXICA EN XOVE



O pasado sábado visitamos a mámoa de Guilán e mailo círculo de Lavandeira, ambos no concello de Xove. Como remate da xornada asistimos á interesante conferencia do arqueólogo Ignacio Vilaseco. Agradecemos a colaboración e a participación de todas as persoas que se implicaron no desenvolvemento desta actividade.








3/09/2017

ESTUDOS ARQUEOLÓXICOS CONFIRMAN A EXISTENCIA DUN “HENGE” NO CONCELLO DE XOVE.

As obras do corredor costeiro afectaron gravemente este xacemento arqueolóxico que, segundo algunhas fontes, sería o segundo henge que se investiga e descobre na Europa continental.

Segundo soubo Mariña Patrimonio, e a falta de datos oficiais, os traballos arqueolóxicos realizados recentemente na estrutura circular de Lavandeira do concello de Xove confirmaron que se trata dun xacemento arqueolóxico tipo henge, similar á Roda de Barreiros.

En agosto de 2015 Mariña Patrimonio solicitara a inclusión deste recinto circular de Xove no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos; tras cuxa solicitude o Servizo de Patrimonio redactou unha “ficha normativizada do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da DXPC”, ficha que non ten ningún valor e que non protexe en absoluto os xacementos.

Desgrazadamente, o 50% da estrutura circular xa fora agredida e gravemente modificada con anterioridade con motivo da construción dun tramo do corredor costeiro entre San Cibrao e Celeiro. Cando se realizou o estudo arqueolóxico para a realización desta infraestrutura, lamentablemente non se detectou a existencia do citado xacemento arqueolóxico e para paliar este erro, a empresa construtora comprometeuse con Patrimonio a realizar unhas catas co fin de verificar a existencia do posible xacemento; en caso de confirmarse a autenticidade do mesmo, a construtora retiraría o talude, que cobre a metade do círculo, e repoñeríao ao estado anterior ao inicio das obras.

Mariña Patrimonio confía, agora que está confirmada a autenticidade do sitio arqueolóxico, que se devolva o xacemento ao seu estado anterior e que as distintas administracións sumen esforzos na protección e promoción deste importante ben patrimonial.



3/07/2017

DESCUBERTA UNHA MONUMENTAL MÁMOA CON DOLMEN EN XOVE

 
Mariña Patrimonio vimos de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos da monumental mámoa de Guilán, A Rigueira (Xove). Esta espectacular mámoa ten un diámetro de aproximadamente 30m e unha altura de 2,5m. O túmulo presenta cono de violación que permite ver o dolmen, no que se aprecian seis chantos e maila laxe de cuberta. As súas monumentais dimensións, o seu bo estado de conservación e o feito de manter o dolmen, converten sen dúbida a mámoa de Guilán nunha das máis espectaculares e importantes de toda a Mariña.
Lembramos que o próximo sábado, na Aula de Formación do concello de Xove, haberá unha conferencia a cargo do arqueólogo Ignacio Vilaseco Vázquez que falará sobre este monumento megalítico. Antes da conferencia, temos organizada unha visita a este xacemento e ao círculo de Lavandeira. 
   

3/05/2017

CONFERENCIA EN XOVE SOBRE MÁMOAS E CÍRCULOS

Mámoas e círculos: unha aproximación ao patrimonio arqueolóxico do Concello de Xove, é o título da conferencia que o arqueólogo Ignacio Vilaseco Vázquez impartirá o próximo sábado 11 ás 19.00h na Aula de Formación (fronte ao xeriátrico) no concello de Xove.
No catálogo de xacementos arqueolóxicos do PXOM de Xove figuran 32 xacementos: 21 mámoas, 7 castros e 4 sitios arqueolóxicos doutro tipo. O PXOM non recolle no catálogo as últimas incorporacións que a Dirección Xeral de Patrimonio incluíu no seu inventario e, por suposto, tampouco inclúe as mámoas recentemente descubertas nin a estrutura circular de Lavandeira. Estes datos dannos unha idea da gran importancia que ten o patrimonio arqueolóxico de Xove.

Mariña Patrimonio coa organización desta conferencia do arqueólogo Ignacio Vilaseco pretendemos dar a coñecer a riqueza dun patrimonio moitas veces esquecido, centrándonos especialmente nas mámoas e nos enigmáticos círculos como o da Lavandeira.

Como complemento a esta conferencia, organizamos unha visita á monumental mámoa descuberta recentemente e mais á estrutura circular de Lavandeira. Esta visita farase en coches particulares e trancurrirá por unha pista de terra en parte do tramo. Partiremos da praza do Concello de Xove ás 16.30h. Tanto a visita como a conferencia son gratuítas e están abertas ao público en xeral.