6/20/2009

Contos, mitos e lendas na Casa das Letras de Ribadeo

Na Casa das Letras de Ribadeo no ciclo arredor da Literatura Oral, o escritor e estudioso da narrativa popular, Xosé Miranda, ilustrounos cun didáctico relatorio no que, baixo o título “Guía da narrativa oral”, foi debullando as diferenzas nos xéneros da literatura de tradición oral: o conto, a lenda e o mito. Explicou a tendencia dos folcloristas a mesturar as lendas cos mitos e as dificultades para diferencialas.
Ao longo dunha amena exposición, salferida de exemplos ilustrativos recollidos da rica tradición oral, o autor amosou a relación da nosa literatura coa doutras culturas; a evolución dos mitos nas “Lendas urbanas” e nos actuais” Mitos científicos”; tamén reivindicou o recoñecemento da existencia dunha mitoloxía galega e, trala participación do público con interesantes preguntas e achegas, Xosé Miranda animou á conservación do enorme Patrimonio Inmaterial que temos na Mariña e do que hai moi pouco recollido.

Sem comentários: