11/19/2017

O PATRIMONIO RELIXIOSO DE CERVO NO DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO

Este sábado un nutrido grupo de persoas participamos no roteiro organizado con motivo do Día Internacional do Patrimonio, para coñecermos unha parte importante do patrimonio eclesiástico do concello de Cervo.
A xornada comezou cunha visita á igrexa de Cervo e posteriormente continuamos o percorrido polas igrexas de Sargadelos, de Rúa e de Lieiro. Así mesmo, visitamos as capelas de Santa Eufemia, en Trasbar; a de San Cibrao, no Porto de Arriba e maila de San Caetano, no Guioncho.
Dende Mariña Patrimonio queremos agradecer a colaboración do Concello de Cervo, así como a interesante achega dos guías, Antón Niñe e Carlos Miranda Trevín, e a dos propietarios das capelas visitadas, Bautista de Trasbar e Emilio Rubiños. Así mesmo, agradecemos a colaboración prestada polo párroco de Cervo e a das persoas encargadas da apertura das igrexas.
Esta interesante actividade, que nos permitiu coñecer mellor parte do rico patrimonio relixioso do concello de Cervo, desenvolveuse no marco das actividades realizadas en toda Galicia por varias asociacións integrantes da Rede do Patrimonio Cultural.

11/14/2017

Patrimonio eclesiástico do concello de Cervo

Pinturas Capela vella de Sta. Eufemia de Trasbar
 
Día Internacional do Patrimonio #DiadoPatrimonio
Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo
Dende Mariña Patrimonio queremos lembrar a todas as persoas que poidan estar interesadas que o vindeiro sábado, 18 de novembro, temos programada unha visita, libre e gratuíta, polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo. A visita será guiada polo profesor e investigador Antón Niñe . O percorrido comezará ás 10.00h na Igrexa de Cervo e posteriormente visitaremos as Igrexas de Sargadelos, a de Rúa e maila capela vella de Sta. Eufemia de Trasbar. Despois dunha pausa para o xantar, de 14.00h a 16.00h, continuaremos co percorido coas visitas á capela de San Cibrao, no Porto, á Igrexa de Lieiro e finalmente á capela do Guioncho.
Este roteiro forma parte do conxunto de actividades programadas por diversas asociacións integrantes da Rede do Patrimonio Cultural, con motivo do Día Internacional do Patrimonio.
As persoas interesadas en participar deberán cubrir o seguinte FORMULARIO DE INSCRICIÓN

11/13/2017

Igrexa de Cervo

Día Internacional do Patrimonio #DiadoPatrimonio
18 de novembro, roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo.
A igrexa de Cervo é outra das que imos visitar.

11/10/2017

Igrexa de Rúa (Cervo)

Día Internacional do Patrimonio #DiadoPatrimonio
Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo
A igrexa de Rúa, unha das que visitaremos no roteiro do próximo 18 de novembro


11/08/2017

Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo


Co fin de conmemorar o Día Internacional do Patrimonio, Mariña Patrimonio está a organizar para o día 18 de novembro unha visita guiada, libre e gratuíta, polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo. O percorrido polas diferentes igrexas comezará ás 10.00h na Igrexa de Cervo e, dependendo das persoas que se inscriban, continuarase en coches particulares ou en autobús. Ás 14.00h faremos unha pausa para xantar e retomaremos a actividade ás 16.00h diante da capela de San Cibrao no Porto.

Quen o desexe poderá participar no xantar que terá lugar no restaurante O Pedregal de San Cibrao; a data límite para anotarse é o martes 14 (prezo 12€)

Este roteiro enmárcase no conxunto de actividades programadas por diversas asociacións integrantes da Rede do Patrimonio Cultural.

As persoas interesadas en participar deberán cubrir o seguinte FORMULARIO DE INSCRICIÓN

9/25/2017

Roteiro A Coruña

Aquí podedes ver algunhas fotos do roteiro que fixemos pola cidade de A Coruña. Unha xornada moi agradable e proveitosa en compañía de Ana Isabel Filgueiras, a quen lle agradecemos novamente a súa colaboración.

9/07/2017

ROTEIRO URBANO POLA CORUÑA

SÁBADO, 23 DE SETEMBRO 
En Mariña Patrimonio estamos a organizar un interesante roteiro pola cidade da Coruña. Convidámosvos a participar connosco nesta nova actividade.
Horario
7:30 - Saída do autobús dende Foz con paradas en Burela, Cervo, San Cibrao, Xove e Viveiro (os horarios intermedios avisaranse previamente)
10:00 - Visita á exposición sobre o castro de Chao Samartín e exposición permanente no castelo de San Antón.
12:00 - Visita guiada ao castro de Elviña.
14:00 - Xantar en restaurante reservado para o grupo.
16:00 - Ruta urbana para coñecer as raíces históricas da Coruña, incluíndo os muíños de vento, sobre os que é especialista a arqueóloga que nos guía.
19:00 - Saída da Coruña e volta á Mariña.
Límite de prazas (39)
As solicitudes serán atendidas por orde de inscrición. Para solicitalas, haberá que cumprimentar este  formulario.
Cando estean cubertas todas, avisarase por correo electrónico aos inscritos aceptados para formalizar o pago previo.
Tamén se lles comunicará a non inscrición aos que non poidamos atender.
Prezos, incluído seguro de responsabilidade civil
Custe da actividade:  socios e nenos: 20 € - non socios: 30 €
Xantar: 20 €
Data límite para solicitar a inscrición (sen pagar): día 11 de setembro
(os que sexan notificados como inscritos deberán ingresar o custe da actividade antes do 16 de setembro. O resto dos solicitantes quedará en lista de espera por se xorde algunha baixa)
O pagamento deberá realizarse na seguinte conta bancaria:
Mariña Patrimonio,  ABANCA, IBAN ES84 2080 0160 4830 4000 7104
(debe enviarse por correo electrónico a copia do ingreso)

8/08/2017

A Xunta prohíbe varar embarcacións no círculo lítico da Roda de Barreiros, que está a 1 km da costa

Non se permite o varado de embarcacións fóra dos puntos establecidos”, así reza o panel informativo, asinado pola Xunta de Galicia, colocado no emblemático xacemento do concello de Barreiros (Lugo)
Para quen non coñeza o sitio arqueolóxico da Roda de Barreiros (Lugo), cómpre dicir que se atopa no concello de Barreiros, a un quilómetro da costa e a varios quilómetros de calquera curso fluvial navegable. En 2006 o xacemento foi obxecto dunha escavación arqueolóxica debido a que os antigos moradores desta zona, hai uns 3700 anos, decidiron construír esta enigmática estrutura circular xusto no trazado da autovía A8. A Roda foi totalmente escavada e, lonxe de aportar luz, suscitou máis dúbidas sobre que tipo de xacemento é esta estrutura circular.
Dende 2006 a Roda de Barreiros, malia as promesas da Consellería de Cultura de poñela en valor, caeu no máis absoluto dos abandonos: o xacemento sen protexer, as catas abertas e os eucaliptos, eses que non son invasores, invadindo desaforadamente todo o xacemento. Esta situación ten sido denunciada por Mariña Patrimonio en reiteradas ocasións.
En 2015, por fin, Patrimonio decide intervir e realiza novas catas no xacemento o que lles permite datalo na Idade do Bronce. Trataríase dunha estrutura tipo Henge que, segundo os arqueólogos, a convertiría no único coñecido na Europa continental. Con estes novos datos reaparecen as promesas de posta en valor e en 2016 o Concello de Barreiros coloca na estrada nacional un indicador do lugar ilegalmente, polo que foi retirado ás poucas horas por Fomento. Até o momento, a outra gran posta en valor do sitio arqueolóxico consistiu en colocar un panel informativo que, entre outros, asina a Xunta de Galicia. 


Supoñemos que para destacar o gran valor do xacemento cumpría un gran panel; non abondaba colocar un discreto como os que se adoitan ver nos sitios arqueolóxicos normais, aquí o panel “grande, ande ou non ande”; por suposto colocado no lugar que máis interfira na visión do xacemento. De todas maneiras, se non deixa ver A Roda non importa, xa que o panel repite ata en tres ocasións a mesma fotografía do xacemento, que o poderiamos ver ao natural, se o propio panel e os toxos o permitisen.


Sobre o texto do mencionado panel xa non imos entrar, aínda que sen dúbida debería ter pasado o filtro dalgún entendido en lingua e en arqueoloxía.
Para rematar, e emulando os contratos das entidades bancarias, o panel da Roda de Barreiros tamén ten a súa letra pequena; de feito, na parte inferior esquerda atopamos un recadro que, entre outras exquisiteces, advirte que “non se permite o varado de embarcacións fóra dos puntos establecidos”.



7/10/2017

UNHA PLANTACIÓN DE EUCALIPTOS PROVOCA POSIBLES DANOS NUN CASTRO DE A PONTENOVA

ADEGA e Mariña Patrimonio vimos de presentar unha denuncia perante o Servizo de Patrimonio polos posibles danos ocasionados por labores forestais no castro de O Patelo (GA27048002), ubicado en Santo Estevo de Rececende, concello de A Pontenova (Lugo). Ambas asociacións cren que a apertura de pistas, xunto cos aterrazamentos e mailas remocións de terras no xacemento, así como na zona de protección, puideron afectar este ben patrimonial.
Débese ter en conta que este sitio arqueolóxico está catalogado pola Dirección Xeral de Patrimonio e figura nas normas subsidiarias do concello de A Pontenova, o que o converte nun ben patrimonial protexido.
O castro de O Patelo estaba cuberto por unha frondosa carballeira e, lamentablemente, este bosque autóctono foi cortado e substiuído, posiblemente de forma ilegal, por unha plantación de eucaliptos.
Por outro lado, ADEGA e Mariña Patrimonio sabemos que o Servizo de Patrimonio facilitoulle a Medio Rural información sobre os xacementos arqueolóxicos da zona norte da provincia de Lugo, mais trece dos vinte e tres xacementos que a Xunta inventariou no concello de A Pontenova non teñen as coordenadas, polo tanto non están localizados pola administración o que conleva a súa desprotección. Esta ausencia de coordenadas é unha mostra máis da incapacidade e da falla de vontade por parte da Dirección Xeral de Patrimonio para solucionar un problema que cómpre atallar canto antes para evitar a desaparición masiva do noso patrimonio arqueolóxico a mans da industria do eucalipto.

6/27/2017

RUTA FRAGA DAS VIGAS

Sábado, 8 de xullo de 2017


RUTA POLA FRAGA DAS VIGAS

 Fraga Vella (Alfoz-Abadín) (ver mapa)


Ruta de dificultade baixa (8-10 km ida e volta) que descorre por unha fraga na cabeceira do Río Figueiras (afluente do Masma)

Hora e punto de encontro:  10:30 h. no restaurante O Frenazo (ver mapa) 

A volta prevese para media tarde (cómpre levar bocadillo e bebida para xantar en ruta)

Prezos (inclúen seguro): 
   - Socios: 6 €
   - Non socios: 10 €

Forma de pago: Ingreso en conta ou transferencia. Concepto: Ruta das Vigas e nomes dos participantes. Nº CONTA: ES84 2080 0160 4830 4000 7104
(Obrigatorio cubrir o formulario e remitir xustificante de pago a este enderezo electrónico mr.patrimonio@gmail.com antes do mércores 5 de xullo)

Para inscribirse pulsar  AQUÍ

Organiza: MARIÑA PATRIMONIO