12/01/2017

MARIÑA PATRIMONIO E A IRMANDADE SANTO ESTEVO DO ERMO PARTICIPARÁN NUNHAS XORNADAS NO PARLAMENTO EUROPEO SOBRE EUCALIPTOS E DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO.

A Irmandade de Santo Estevo do Ermo e a asociación Mariña Patrimonio viaxarán a Bruxelas os vindeiros días 6 e 7 de decembro para participar no Parlamento Europeo nunhas xornadas promovidas pola eurodeputada Lidia Senra. Estas xornadas teñen como obxectivo informar e sensibilizar á Unión Europea sobre a destrución do patrimonio cultural e natural provocada pola industria do eucalipto-celulosa.
Nas actividades programadas, nas que participarán dezaoito asociacións de toda Galicia, Mariña Patrimonio xunto coa Irmandade de Santo Estevo centraranse na destrución do patrimonio cultural e arqueolóxico na Mariña. Ambas asociacións aproveitarán os encontros con representantes da Comisión Europea e as reunións con eurodeputados de diversos países, para explicarlles as nefastas prácticas forestais na produción da madeira, que abastece a industria da celulosa, así como o incumprimento das leis e das normas (europeas, estatais e galegas) por parte da industria forestal e da Xunta de Galicia.