2/27/2015

ACIABurela e MariñaPatrimonio organizan a conferencia “Castrexos. Quen eran? Como vivían? Como vestían?”

MariñaPatrimonio e ACIA Burela, coa colaboración do Concello de Burela, organizan o venres 6 de marzo a conferencia : “Castrexos. Quen eran? Como vivían? Como vestían?” que contará coa intervención do arqueólogo Eduardo Ramíl Rego, director do Museo Arqueolóxico de Vilalba.

Con este acto, pensado como anticipo á IV Festa Castrexa que se celebrará no mes de xullo, preténdese facilitar ao público información sobre os costumes e aparencia dos castrexos, para que participantes, membros dos clans e todo aquel que queira achegarse, conten con datos e detalles da man dun experto, que se centrará de maneira especial na indumentaria dos homes e mulleres que habitaban os castros.

A conferencia “Castrexos. Quen eran? Como vivían? Como vestían?” será o venres 6 de marzo ás 20h30 na Sala de Conferencias (Antiga Biblioteca) de Burela.

2/26/2015

O CHAO DA CROA, UN NOVO CASTRO NO VALADOURO.

A Xunta incúe no Inventario un novo xacemento localizado por MariñaPatrimonio.
A Xunta de Galicia vén de incluír no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos o Chao da Croa no lugar de Budián, concello de O Valadouro, coa clave de identificación GA 27063057.
O outeiro onde se atopa o recinto fortificado, dende onde se domina visualmente unha ampla zona do Valadouro, está, como a maioría dos castros mariñaos, plantado de eucaliptos que apenas deixan ver o xacemento.
O Chao do Castro puido ser localizado por MariñaPatrimonio grazas ás novas ferramentas que proporciona internet, concretamente ás imaxes LIDAR, que “borra” a vexetación e permite ver o que se oculta debaixo dos eucaliptos.
O Valadouro é un dos lugares da Mariña onde se rexistra un maior número de xacementos arqueolóxicos identificados, grazas ao valioso traballo de investigación realizado por Isaac Ferreira, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón.
O Chao da Croa de Budián é unha nova mostra do rico e importante patrimonio arqueolóxico que atesouran as terras de O Valadouro.

2/23/2015

ADEGA E MARIÑAPATRIMONIO DENUNCIAN UNHA PLANTACIÓN DE EUCALIPTOS POR AFECTAR UNHA MINA AURÍFERA ROMANA EN RIOTORTO

 ADEGA e MariñaPatrimonio vimos de comunicarlle ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que no lugar de A Muxueira (Riotorto- Lugo) estanse a levar a cabo labores de corta e plantación de eucaliptos enriba dun xacemento aurífero da época romana.
Ambas organizacións puidemos comprobar que para eses labores se usou maquinaria pesada poñendo en risco os valores do xacemento. Así mesmo, abríronse novas pistas que lamentablemente están a modificar modificar a morfoloxía da antiga explotación aurífera romana.
 
Este xacemento non está inventariado oficialmente polo que é un ben patrimonial descoñecido para a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Na actualidade só están inventariadas algunhas destas minas nos concellos de Foz e Barreiros, pese a abundancia de xacementos deste tipo na zona oriental da Mariña. 
En concreto, o concello de Riotorto conta cun bo número de explotacións mineiras de época romana, algunhas de gran espectacularidade e importancia. Na Muxueira atópanse varias: un grupo delas conforman o que podería denominarse un complexo mineiro, formado por tres grandes trincheiras a ceo aberto: As Grobas, O Palo Ribeiro e A Chousa do Baño. Esta última é a que se viu afectada polos traballos forestais.
 
ADEGA e MariñaPatrimonio solicitamos a inmediata paralización dos labores forestais que afectan o
xacemento arqueolóxico, que se estuden os danos ocasionados, e ao mesmo tempo que se inclúa este complexo mineiro da Muxueira no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta de Galicia.