7/24/2014

ADEGA E MARIÑAPATRIMONIO SOLICITAN A PARALIZACIÓN URXENTE DAS OBRAS NA PRAIA DE AREALONGA PARA PRESERVAR O XACEMENTO DE TURBEIRA MÁIS IMPORTANTE DE GALIZA

ADEGA e Mariñapatrimonio veñen de denunciar ante a Demarcación de Costas de Galicia, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza e o concello de Foz, que as obras que se están efectuando na Praia de Arealonga deste municipio, en virtude do Real Decreto-lei 2/2014, de 21 de febrero, polo que se adoptan medidas urxentes para reparar os danos causados polos temporais na costa cantábrica, están a eliminar un dos xacementos paleoclimáticos máis importantes de Europa. Trátase da turbeira da Praia de Arealonga, situada na parroquia focense de Nois.
Ambos colectivos piden a paralización inmediata das obras en preservación dos valores deste xacemento de turba que data de hai 120.000 anos e sobre o que están a actuar directamente as máquinas escavadoras. A maquinaria está a retirar os coídos ou as xógaras de todo o areal, incluídas as que se atopan enriba do xacemento para a construción dun dique no extremo da praia máis próximo ao núcleo de Nois. Esta circunstancia pon en risco a conservación da turbeira, que queda exposta ás adversidade meteorolóxicas e á acción do mar, ademais de alterar significativamente a morfoloxía da praia e, potencialmente, a dinámica costeira da zona.
Pese ao impacto das obras e a súa afectación a un hábitat considerado como prioritario pola UE e de elevado valor paleoclimático para comunidade científica europea, están sendo efectuadas por Costas pola vía da urxencia e, previsiblemente, sen os necesarios informes favorables dos organismos competentes en materia de conservación natural nin preservación patrimonial, así como sen as cautelas debidas ou medidas de prevención que son obrigadas para evitar un impacto irreversible sobre o xacemento paleoclimático. Para confirmar esta circunstancia, ADEGA e Mariñapatrimonio tamén solicitaron a este organismo copia do expediente completo das citadas actuacións.
Ao mesmo tempo, ambos colectivos reclaman ao Ministerio e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta que declaren o xacemento como Monumento natural ou con outra figura de protección que consiga preservar a turbeira de Arealonga de futuras obras ou alteracións na súa contorna, xa que non é a primeira vez que as distintas administracións promoven actuacións que poñen en perigo a súa existencia.

ANTERIORES AMEAZAS
En 2008, outras obras do Ministerio de Medio ambiente de “mellora dos servizos do areal” que non foron nin publicitadas nos medios oficiais, estiveron a piques de destruír por completo o xacemento se non é pola intervención de ADEGA e da USC. Daquela, pretendíase construír un paseo marítimo que contemplaba o retranqueo de 5 metros cara o interior do pé do talude, o que implicaba a destrución total do xacemento. Nese momento, a Dirección Xeral para a Sustentabilidade da Costa e do Mar, do Ministerio do Medio Ambiente, por medio da Resolución publicada no BOE nº 142 do 12 de Xuño de 2008 anunciaba a execución dun “Estudio integral da Praia de Arealonga e a súa contorna”, pero non aludía á realización de obras. Ante estes feitos, ADEGA e a Universidade de Santiago de Compostela interviron para reclamar a paralización das obras, solicitando, tamén desta volta, a declaración do xacemento como Monumento Natural. Aínda que isto último non se conseguiu, o Ministerio, Xunta e concello de Foz acordaron en non afectar coas citadas obras a zona central do areal, a parte máis relevante do xacemento. Polo menos, daquela, acadárase a preservación da parte da turbeira paleoambientalmente máis importante. Sen embargo, desta volta, Costas volve intervir no xacemento sen a máis mínima precaución.
VALOR DO XACEMENTO DE TURBA DE AREALONGA
O xacemento de Arealonga de Foz é a turbeira de maior antigüidade de Galiza e pode considerarse o xacemento paleoclimático máis importante do noso territorio e do resto do Estado español, converténdose ademais en referente a nivel europeo para o estudo da evolución do cambio climático nos últimos milleiros de anos.
Procede do último ciclo interglaciar do Cuaternario, adquirindo un valor fundamental para a reconstrucción da mudanza climática desde as primeiras etapas nas que se constata a aparición do home en Galiza. Nel atópase o primeiro estrato de cantos rodados, sobre o que se foron superpoñendo, alternativamente depósitos de turba e area dunar que abarcan todo o período da última glaciación até a actualidade. Ademais é un dos poucos xacementos que aínda se conservan que recolle información sobre período críticos nos que se extinguiron, sobre todo, especies de vertebrados. Estudando este depósito pódese reproducir (a través dos seus restos de esporas, polen e micro-restos de flora e fauna), as condicións climáticas e ecolóxicas que se sucederon durante os 120 mil últimos anos no norte da península.
De feito, tras a súa decuberta polo científico francés Henri Nonn en 1963, este xacemento foi estudado por investigadores de toda Europa. Logo dos franceses, nos anos 80 tamén se interesaron por el científicos alemáns, e nos anos 90 foi obxecto de estudo polo Laboratorio de Xeografía e biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela.
Non é admisible que, ante a relevancia deste xacemento para a ciencia e tamén para a súa posta valor como recurso cultural e patrimonial, siga exposto a obras como as promovidas pola Demarcación de Costas sen as necesarias medidas cautelares ou precaucións.
IMAXES DAS ACTUAIS OBRAS: https://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157645404081060/




7/08/2014

MINI ROTEIRO O 12 DE XULLO POLA FRAGA DE TRASBAR (CERVO)

ADEGA e MariñaPatrimonio, dentro da campaña
COUSA DE RAÍCES pola posta en valor e recoñecemento do bosque galego, organizamos para o próximo sábado 12 de xullo un roteiro pola fraga de Trasbar, no concello de Cervo.
As persoas que queiran participar neste mini-roteiro achegaranse ás 16h á igrexa de Rúa, dende onde se partirá en coches particulares até o lugar onde o Rego Grande verte as súas augas no río Covo. Aquí comezará o roteiro a pé durante uns 5km (ida e volta). Será un percorrido tranquilo, no que iremos vendo todo o que agocha esta fraga na que abundan as arandeiras, que nesta época do ano adoitan estar inzadas de saborosos arandos.
O prezo da actividade é de 3€; para nenos/as, desempregados/as e socios/as a actividade é gratuíta.
Para consultar calquera dúbida, mr.patrimonio@gmail.com /tfn. 654173637