2/20/2011

As repúblicas de homes libres foron presentadas en Foz


Cunha exposición fresca e dinámica de Manuel Gago, infinidade de preguntas foron compartidas cos asistentes a este acto celebrado o venres na Casa da Cultura de Foz. O relator fixo un rápido resumo das investigacións realizadas ao longo dos dous últimos anos, sobre todo pola costa atlántica, pero tamén polas comarcas interiores e pola Mariña de Lugo.
Manuel Gago deixou claro ao inicio da súa exposición que non se trata dun traballo de investigación histórica propiamente dito, senón máis ben dun labor de divulgación periodística. O seu obxectivo é poñer en evidencia a gran cantidade de indicios dunha intensa, confusa e axetreada actividade humana na Galicia dos cinco ou seis séculos que van desde o fin do Imperio Romano ata a Baixa Idade Media e na que están involucrados galaico romanos, suevos, normandos, vikingos... Trátase da etapa máis descoñecida da nosa historia e non tivo ata agora a atención que se merece por parte dos investigadores, seguramente por falta de documentación escrita e porque o labor arqueolóxico se centrou máis en etapas anteriores, como a prerromana.

A Mariña de Lugo aparece como un espazo tremendamente interesante pola súa orientación directa cara os pobos invasores do norte de Europa, e os indicios desta etapa son moi abundantes e próximos; sen embargo, permanecen ocultos aos ollos do noso tempo debido a que non temos unha imaxe definida do que buscamos, como ocorre, por exemplo, cos antepasados castrexos, máis estudiados e divulgados.

As repúblicas de homes libres de Manuel Gago son pezas dun puzzle tremendamente complexo que da pistas da existencia dunha fascinante fotografía dos séculos escuros da Alta Idade Media galega e mariñán e convídannos ao intrigante xogo de compoñela peza a peza.



A demostración dun ferreiro complementa a exposición sobre o ferro, que segue en itinerancia


Continúa a súa itinerancia a exposición "A industria do ferro no norte de Lugo e no occidente astur". Nos ultimos días estivo en Viveiro, no IES Vilar Ponte e actualmente permanece no CEIP de Cervo. Nestes dous centros de ensino foi complementada e enriquecida cunha interesante demostración a cargo do ferreiro Telmo Cao. O alumnado dos centros puido ver e participar directamente no proceso de traballo do ferro a través desta forxa portátil que está resultando enormemente atractiva para a rapacería. A seguinte etapa da exposición e demostración será ante os escolares de San Cibrao.

2/13/2011

Conferencia de Manuel Gago Mariño: “República dos Homes Libres: o territorio como defensa entre o Imperio Romano e a alta Idade Media”.


A asociación cultural MariñaPatrimonio, en colaboración coa asociación A Pomba do Arco, organizan este venres día 18 unha conferencia sobre a época comprendida entre o final do imperio romano e o xurdimento da Idade Media. Trátase dun período de loitas, de invasións, de ausencia de poder establecido e de incursións de piratas viquingos. Son tempos moi convulsos que afectaron a toda Galiza e, como non, a esta Mariña Lucense.

O poñente desta charla é Manuel Gago Mariño, nado en Palmeira, Ribeira no ano 1976, é doutor en C.C. da Información pola Universidade de Santiago, así como director de culturagalega.org., o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, e profesor asociado de ciberxornalismo na Facultade de C.C. da Comunicación da Universidade de Santiago.

O profesor Manuel Gago é autor de numerosas publicacións de referencia sobre xornalismo electrónico e temas de historia e arqueoloxía galega que se poden ver no seu blog www.capitulocero.org. Na actualidade está desenvolvendo as súas investigacións no tema do proceso de fortificación e defensa de Galiza entre a caída do Imperio Romano e a Baixa Idade Media.

Na súa conferencia, na que se poderán ver varias imaxes de sistemas defensivos e castelos, vainos falar de algo que seguro é bastante descoñecido na nosa Mariña, como son os castelos e os refuxios naturais empregados polos mariñáns para protexerse dos ataques, incursións navais e invasións. Se ben é certo que hai moi poucas noticias documentais, tamén é certo que a arqueoloxía sacou á luz moitas pezas e achados que nos obrigan a formular a nosa historia dunha maneira bastante distinta a como nos tiñan acostumados.

As asociacións Mariña Patrimonio e A Pomba do Arco, convidan a asistir a esta conferencia a toda aquela persoa que teña interese por coñecer a historia deste momento de fins do Imperio Romano, que terá lugar o Venres 18 ás 20.30 na casa da cultura de Foz.