12/03/2009

Conferencia de Xoan Carmona en Viveiro

Ante unha abundante concurrencia, no sede social de Caixa Galicia, o profesor universitario e especialista en arqueolóxía industrial, Xoan Carmona, realizou un ameno repaso por todos aqueles restos da industrialización na Mariña dos últimos 250 anos, desde toda a industria do ferro da comarca do Eo, de Sargadelos e Viveiro, ata a experiencia de industria mecánica desenvolvida por Barro en Chavín, e pasando polas primeiras instalacións hidroeléctricas ou da fabricación textil, resaltando a importancia que, cualitativamente, tivo a industria mariñana dentro do contexto galego e mesmo español.

Entre as interesantes ideas que transmitiu, compre destacar o feito de que non se acometera a necesaria planificación sobre os restos arqueolóxicos existentes no país, que permita optimizar os investimentos realizados, nada despreciables, pero inconexos e carentes de viabilidade e de proxección. A primeira prioridade, para Carmona, sería elaborar un inventario sistemático de bens, que permitiría rendabilizar os recursos investidos na posta en valor daqueles restos seleccionados como máis representativos e interesantes.

Finalmente, deixou tamén a máis optimista idea de constatar na sociedade galega un crecente interese pola valorización e defensa do noso patrimonio histórico-industrial, algo que nos debe animar a continuar na nosa tarefa de sinalar e por en evidencia os nosos bens patrimoniais.

Para ver máis fotos do evento:
http://picasaweb.google.es/lh/sredir?uname=mr.patrimonio&target=ALBUM&id=5407354350174908881&authkey=Gv1sRgCOTo6OPAlqjzxwE&feat=email

Sem comentários: