10/25/2009


A Casa da Cultura do concello de A Pontenova foi o lugar escollido por Mariñapatrimonio para dar comezo ás Xornadas de arqueoloxía industrial. O conferenciante, Xavier R. Lombardero, traballador de La Voz de Galicia, foi presentado polo presidente da nosa asociación que fixo un breve percorrido pola biografía deste xornalista e emprazou aos asistentes a participar na seguinte das actividades deste ciclo: a visita guiada Pola ruta do ferro da que o investigador Miguel Abraira vai ser o condutor o sábado 21 de novembro.O conferenciante iniciou o seu relatorio facendo un percorrido histórico polas orixes da industria do ferro en A Pontenova. Esta localidade—dixo—medrou coa chegada de man de obra para as minas—máis de mil mineiros tiveron ocupación nesta industria—e aquí se xestaron as primeiras mobilizacións obreiras, unha manifestación de mulleres e tamén, ao abeiro deste movimento, naceron as organizacións agrarias nesta zona.
Xavier R. Lombardero referiuse á necesidade de recuperar o patrimonio, considerando que a primeira das obrigas para conseguir este obxectivo é ter en conta a historia. Tamén criticou o xornalista a desfeita urbanística da vila e a perda de edificios que falaban do pasado. Reclamou o nome de “Avenida dos mineiros” para o vial que hoxe hoxe ten o de “Estrada Xeral” e propuxo o de “Carreiro dos almorzos” para o camiño ata onde chegaban de cotío as mulleres dos mineiros para lles levar a comida.

A conferencia, seguida por moito público, e da que o xornal “La Voz de Galicia” publicou un avanzo, contribui sen dúbida a por en valor o noso patrimonio.

Sem comentários: