12/12/2017

EN BRUXELAS DEFENDENDO O PATRIMONIO

Membros de Mariña Patrimonio, xunto con representantes doutras dezanove asociacións, estivemos os pasados días 6 e 7 de decembro no Parlamento Europeo informando a eurodeputados e a representantes da Comisión Europea sobre os graves danos que provoca a eucaliptización no patrimonio galego. Ademais, lembrámoslles que unha parte da celulosa que consomen en Europa é a responsable da destrución masiva do patrimonio galego, e europeo.
Nas diferentes mesas de debate mantidas no Parlamento, quedaron patentes os múltiples prexuízos que ocasiona o monocultivo do eucalipto así como o desleixo dun goberno e dunha Dirección Xeral de Patrimonio, desaparecidos na espesura do inmenso eucaliptal galaico.
Así mesmo, quedou patente o vigor dunha sociedade civil, con moitos folgos e con moitas ideas, a través das diferentes intervencións e das variadas propostas para tentar frear a devastación que a industria do eucalipto ocasiona no patrimonio natural e cultural.
Por último, queremos agradecerlles a Lidia Senra e ao seu equipo por facer posible e por ternos convidado a este interesante encontro.

12/01/2017

MARIÑA PATRIMONIO E A IRMANDADE SANTO ESTEVO DO ERMO PARTICIPARÁN NUNHAS XORNADAS NO PARLAMENTO EUROPEO SOBRE EUCALIPTOS E DESTRUCIÓN DO PATRIMONIO.

A Irmandade de Santo Estevo do Ermo e a asociación Mariña Patrimonio viaxarán a Bruxelas os vindeiros días 6 e 7 de decembro para participar no Parlamento Europeo nunhas xornadas promovidas pola eurodeputada Lidia Senra. Estas xornadas teñen como obxectivo informar e sensibilizar á Unión Europea sobre a destrución do patrimonio cultural e natural provocada pola industria do eucalipto-celulosa.
Nas actividades programadas, nas que participarán dezaoito asociacións de toda Galicia, Mariña Patrimonio xunto coa Irmandade de Santo Estevo centraranse na destrución do patrimonio cultural e arqueolóxico na Mariña. Ambas asociacións aproveitarán os encontros con representantes da Comisión Europea e as reunións con eurodeputados de diversos países, para explicarlles as nefastas prácticas forestais na produción da madeira, que abastece a industria da celulosa, así como o incumprimento das leis e das normas (europeas, estatais e galegas) por parte da industria forestal e da Xunta de Galicia.

11/19/2017

O PATRIMONIO RELIXIOSO DE CERVO NO DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO

Este sábado un nutrido grupo de persoas participamos no roteiro organizado con motivo do Día Internacional do Patrimonio, para coñecermos unha parte importante do patrimonio eclesiástico do concello de Cervo.
A xornada comezou cunha visita á igrexa de Cervo e posteriormente continuamos o percorrido polas igrexas de Sargadelos, de Rúa e de Lieiro. Así mesmo, visitamos as capelas de Santa Eufemia, en Trasbar; a de San Cibrao, no Porto de Arriba e maila de San Caetano, no Guioncho.
Dende Mariña Patrimonio queremos agradecer a colaboración do Concello de Cervo, así como a interesante achega dos guías, Antón Niñe e Carlos Miranda Trevín, e a dos propietarios das capelas visitadas, Bautista de Trasbar e Emilio Rubiños. Así mesmo, agradecemos a colaboración prestada polo párroco de Cervo e a das persoas encargadas da apertura das igrexas.
Esta interesante actividade, que nos permitiu coñecer mellor parte do rico patrimonio relixioso do concello de Cervo, desenvolveuse no marco das actividades realizadas en toda Galicia por varias asociacións integrantes da Rede do Patrimonio Cultural.

11/14/2017

Patrimonio eclesiástico do concello de Cervo

Pinturas Capela vella de Sta. Eufemia de Trasbar
 
Día Internacional do Patrimonio #DiadoPatrimonio
Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo
Dende Mariña Patrimonio queremos lembrar a todas as persoas que poidan estar interesadas que o vindeiro sábado, 18 de novembro, temos programada unha visita, libre e gratuíta, polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo. A visita será guiada polo profesor e investigador Antón Niñe . O percorrido comezará ás 10.00h na Igrexa de Cervo e posteriormente visitaremos as Igrexas de Sargadelos, a de Rúa e maila capela vella de Sta. Eufemia de Trasbar. Despois dunha pausa para o xantar, de 14.00h a 16.00h, continuaremos co percorido coas visitas á capela de San Cibrao, no Porto, á Igrexa de Lieiro e finalmente á capela do Guioncho.
Este roteiro forma parte do conxunto de actividades programadas por diversas asociacións integrantes da Rede do Patrimonio Cultural, con motivo do Día Internacional do Patrimonio.
As persoas interesadas en participar deberán cubrir o seguinte FORMULARIO DE INSCRICIÓN

11/13/2017

Igrexa de Cervo

Día Internacional do Patrimonio #DiadoPatrimonio
18 de novembro, roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo.
A igrexa de Cervo é outra das que imos visitar.

11/10/2017

Igrexa de Rúa (Cervo)

Día Internacional do Patrimonio #DiadoPatrimonio
Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo
A igrexa de Rúa, unha das que visitaremos no roteiro do próximo 18 de novembro


11/08/2017

Roteiro polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo


Co fin de conmemorar o Día Internacional do Patrimonio, Mariña Patrimonio está a organizar para o día 18 de novembro unha visita guiada, libre e gratuíta, polo patrimonio eclesiástico do concello de Cervo. O percorrido polas diferentes igrexas comezará ás 10.00h na Igrexa de Cervo e, dependendo das persoas que se inscriban, continuarase en coches particulares ou en autobús. Ás 14.00h faremos unha pausa para xantar e retomaremos a actividade ás 16.00h diante da capela de San Cibrao no Porto.

Quen o desexe poderá participar no xantar que terá lugar no restaurante O Pedregal de San Cibrao; a data límite para anotarse é o martes 14 (prezo 12€)

Este roteiro enmárcase no conxunto de actividades programadas por diversas asociacións integrantes da Rede do Patrimonio Cultural.

As persoas interesadas en participar deberán cubrir o seguinte FORMULARIO DE INSCRICIÓN

9/25/2017

Roteiro A Coruña

Aquí podedes ver algunhas fotos do roteiro que fixemos pola cidade de A Coruña. Unha xornada moi agradable e proveitosa en compañía de Ana Isabel Filgueiras, a quen lle agradecemos novamente a súa colaboración.

9/07/2017

ROTEIRO URBANO POLA CORUÑA

SÁBADO, 23 DE SETEMBRO 
En Mariña Patrimonio estamos a organizar un interesante roteiro pola cidade da Coruña. Convidámosvos a participar connosco nesta nova actividade.
Horario
7:30 - Saída do autobús dende Foz con paradas en Burela, Cervo, San Cibrao, Xove e Viveiro (os horarios intermedios avisaranse previamente)
10:00 - Visita á exposición sobre o castro de Chao Samartín e exposición permanente no castelo de San Antón.
12:00 - Visita guiada ao castro de Elviña.
14:00 - Xantar en restaurante reservado para o grupo.
16:00 - Ruta urbana para coñecer as raíces históricas da Coruña, incluíndo os muíños de vento, sobre os que é especialista a arqueóloga que nos guía.
19:00 - Saída da Coruña e volta á Mariña.
Límite de prazas (39)
As solicitudes serán atendidas por orde de inscrición. Para solicitalas, haberá que cumprimentar este  formulario.
Cando estean cubertas todas, avisarase por correo electrónico aos inscritos aceptados para formalizar o pago previo.
Tamén se lles comunicará a non inscrición aos que non poidamos atender.
Prezos, incluído seguro de responsabilidade civil
Custe da actividade:  socios e nenos: 20 € - non socios: 30 €
Xantar: 20 €
Data límite para solicitar a inscrición (sen pagar): día 11 de setembro
(os que sexan notificados como inscritos deberán ingresar o custe da actividade antes do 16 de setembro. O resto dos solicitantes quedará en lista de espera por se xorde algunha baixa)
O pagamento deberá realizarse na seguinte conta bancaria:
Mariña Patrimonio,  ABANCA, IBAN ES84 2080 0160 4830 4000 7104
(debe enviarse por correo electrónico a copia do ingreso)